O novo curso escolar comezou con moita enerxía, ilusión e ganas de compartir momentos xuntos. Para dar a benvida a este novo ano, organizamos diferentes actividades grupais no pavillón municipal de Arzúa, unha xornada na que o alumnado puido xogar, participar e gozar de propostas compartidas cos seus compañeiros e compañeiras.
Queremos aproveitar esta ocasión para agradecer ao Concello de Arzúa a súa colaboración e xenerosidade ao cedernos as instalacións do pavillón, facendo posible o desenvolvemento destas actividades.
Coa chegada do outono, tamén tivemos a oportunidade de celebrar unha das festas máis tradicionais da nosa terra: o Magosto. Foi unha xornada especial na que as castañas, os xogos e a convivencia foron os protagonistas, mantendo viva unha tradición tan nosa.
Ademais, os máis pequenos e pequenas, os nenos e nenas de Educación Infantil, realizaron unha pequena saída a Santa María, onde puideron gozar da natureza e recoller diferentes elementos propios desta estación: castañas, landras e follas de outono. Unha experiencia estupenda para descubrir, explorar e aprender a través do contacto directo coa contorna.
Así, entre xogos, natureza e tradicións, comezamos un curso cheo de novas experiencias, aprendizaxes e momentos para lembrar!

